Na anterior entrada falaba sobre a estrutura necesaria para manternos “en pé” neste retiro obrigado ao que nos invita esta nova situación. Están sendo días que nos enfrontan á realidade de que non controlamos tanto como pensabamos. A situación manda, e da nosa relación con ela dependerá a nosa estabilidade emocional e física.
Retomando a metáfora do post anterior, é un bo momento para revisar e axustar a estrutura que establecemos inicialmente, xa que o fundamental dunha estrutura é que sexa flexible e adaptable. Así, é importante observar cales das rutinas/rituais que establecemos están a ser viables e descartar aquelas para as que non atopei tempo, ou ben se me están facendo moi costa arriba. Trátase de que axude, non de que esixa: non pasa nada por non producir, máis que facer sen máis quizais a situación está a invitarnos a observar como facemos o que facemos.
A atención é un ingrediente fundamental para poñer conciencia. É algo que vén de serie con nós, non temos que aprender a atender, é algo que facemos de maneira natural. Sempre temos a atención nalgún punto, ben na zona interna – as sensacións que se dan de pel para dentro –, ben na zona externa – a información do afora que nos chega a través dos sentidos –, ou ben na zona intermedia – todos os fenómenos mentais, pensamentos, recordos, fantasías, catástrofes… –.
Unha práctica posible é que, ao longo do día, cando nos lembremos, paremos a darnos conta de en que lugar teño a miña atención: pícame aquí, teño fame, teño as costas tensas, escoito aos paxaros, aos veciños, que ben ule esa comida!, como estarán meus pais?, que pasará co traballo?…
Por un instante acompaño á miña atención no seu paseo dun sitio a outro e doume conta á vez dalgo que se mantén: a miña respiración, a sensación do aire que entra e sae, sentida no abdome, nas fosas nasáis, no peito…– calquera lugar do teu corpo pode servir como lugar de referencia, onde mellor e máis clara a sintas, estará ben –. A esta sensación volvo unha e outra vez coa miña atención coma se fose unha áncora que me da unha toma de terra mentres vou observando a miña atención.
É posible que as emocións ocupen estes días moita parte da nosa atención. Coas emocións pasa unha cousa habitualmente que é que veñen mesturadas unhas con outras e ás veces a etiqueta coa que referirnos a elas non é clara. Podo saber que me pasa algo, mais non sei o que.
Ante esta indefinición é posible que tendamos a poñelas en segundo plano, pensar que non é para tanto, que xa pasará, ou que non nos apeteza pararnos con elas.
Así estamos obviando a información que nos veñen a dar, xa que as emocións están aí para indicarnos algo sobre a nosa adaptación ao ambiente: ben que é importante que nos protexamos – medo –; que nos sentimos invadidos e é importante poñer un límite – enfado –; que precisamos parar e dixerir a perda de algo ou alguén – tristeza –; que ese ambiente nos “recarga as pilas”– alegría –; ou que esa relación nos nutre – afectos –.
Ante o sentimento de vulnerabilidade física ou emocional, é importante non fuxir del, non esforzarse en controlar a emoción ou evitala senón seguir actuando con ela. Quizais poida servirche imaxinar que, como adultx que es, “colles da man” a esa vulnerabilidade, medo, angustia, ansiedade, nervios… como se fora un neno ou unha nena pequena. Podes parar un momento a localizar o lugar onde sintes mellor a respiración e botar a áncora da que falabamos antes – lembra, calquera lugar onde a sintas ben servirá – e, contemplando a existencia diso que “non sei ben que é”, camiñades xuntxs, firme e centrando a túa atención na respiración, sen deixarte arrastrar polos envites da emoción que só busca que a atendas. Poñer as mans no peito e no abdome pode axudar a que sintas mellor a túa respiración.
Lembra que o feito de que non saibas o que che pasa, non lle atopes a etiqueta ou non entendas porque estás así, non supón que non estea a pasar algo no teu interior. Ás emocións non lle falan ao teu intelecto, maniféstanse no teu corpo e este ten unha inmensa sabedoría.
Non está demais lembrar a etimoloxía da palabra emoción, provén de e-movere: moverse cara afora. As emocións teñen unha dirección e porán toda a súa enerxía en pasar, en atravesar e saír; veñen coa intención de darche información, son aliadas.
Por isto, se sentes algunha emoción, aténdea, está pasando, é/está presente e é agora o momento. Na medida do posible aténdete, respira e dálle tempo a que te atravese, porque isto tamén pasará.