Sobre min

O meu nome é Ana Seijo Cuba, son psicóloga licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela, con orientación en psicoloxía clínica. Estou habilitada para a práctica profesional sanitaria e o meu número de colexiada é G-3484.

Tralo meu paso pola universidade, cun período dedicado á investigación no campo da psicoloxía forense, reorientei o meu camiño cara a sendas que sempre estiveran presentes na miña vida, vencelladas co mundo da arte e a creatividade. Así recibín formación en musicoterapia, psicoterapia Gestalt e videoterapia.

A miña traxectoria busca unha visión integral da persoa. A integración do corporal, o mental, o emocional e o transcendente, así como da propia persoa coa súa contorna, as relacións cos demais e coas situacións e o ambiente no que vive.

Diversas experiencias foron formando a miña bagaxe profesional: colaborei coa asociación Dismacor do Burgo, A Coruña, como psicóloga e musicoterapeuta con nenos e nenas con diversidade funcional. No mesmo sentido, pero dirixido a persoas adultas, acompañei varios grupos no Centro de Día “Volta do Castro” e o Centro de Maiores Abanca, en Santiago de Compostela. Durante varios anos coordinei o Programa de Desenvolvemento Mental “ALOHA Mental Arithmetic”, dirixido á estimulación cognitiva a través do uso do ábaco.

Levo máis de cinco anos acompañando grupos no proceso creativo audiovisual co proxecto VideodinamizArte, do que son codirectora, poñendo o foco en que “na medida en que miramos e encadramos a nosa realidade, mirámonos e encadrámonos a nós mesm@s”. Desde este proxecto exploro e investigo o campo da videoterapia – a saber: o uso do vídeo en contextos terapéuticos – como unha ferramenta máis para o achegamento a un/unha mesm@.

Entendo a arte como canle de saúde e o proceso terapéutico como un camiño de coñecemento que facilita poñer en marcha os recursos propios de cara a relacionarnos co mundo, aquí e agora.

Se queres coñecer máis polo miúdo os meus diferentes traballos, preme aquí