Estruturándonos para un confinamento a medio/longo prazo

Estes días estamos a vivir nuns momentos incertos, inesperados e case que propios da ciencia ficción. O descoñecido asusta, e cando a maneira habitual xa non serve atopámonos algo “no aire”, sen lugar onde nos agarrar para sentirnos firmes e segurxs.

Despois do período inicial onde cada persoa aportou a través das redes sociais innumerables recursos e suxerencias para realizar durante este confinamento, chega o momento de recopilar, seleccionar e ordenar. A planificación é importante para poder soster esta circunstancia especial o tempo que sexa preciso e despois de que pase o efecto de novidade.

A estrutura é algo que nos sostén, igual que a columna vertebral no noso corpo, a rutina e os hábitos saudábeis funcionan como aquelo firme, constante e seguro onde nos podemos apoiar para manternos estables.

O noso sustento básico, que neste sistema capitalista repousa na capacidade de ingresar cartos para atender ás nosas necesidades fundamentais, é outro pilar básico no que nos apoiamos. Nestes intres moitxs de nós estamos á espera de saber como o Estado atenderá as situacións particulares de cada un/ha, que se ven alteradas polo estado de alarma decretado a raíz da pandemia do coronavirus. Recurrir ás informacións oficiais e contrastar as dúbidas cos profesionais do campo – xestorías, asesorías – pódenos axudar para facernos unha idea real da situación na que cada un/unha se atopa.

Máis aló do que non está nas nosas mans, temos por diante unha oportunidade para crear a nosa propia estrutura onde sosternos, respectando o noso propio ritmo e as prioridades que nós mesmxs establecemos.

Neste sentido propóñovos que vos sentedes e establezades unha rutina diaria por escrito, con horarios que distribúan o día, tendo en conta:

  • Respectar o horario de ir á cama e erguerte
  • Llevar a cabo os hábitos diarios: ducharte, vestirte – é tentador permanecer en pixama, mais aínda que sexa unha roupa cómoda, é importante que te cambies en función da tarefa a realizar –.
  • Atender á túa alimentación
  • Manterte ocupadx: se traballas e podes seguir facéndoo, ocúpate diso; senon busca unha actividade diaria que se repita – eu collín como propósito escribir algo todos os días –; se tes dependentes maiores ou pequenos na casa organizade entre todxs a rutina, ocupación non faltará; se tes algún hobbie establece pequenos propósitos: unha receita nova, facer ganchillo, aprender a tocar a guitarra, ler aquel libro que che agasallaron…
  • Contemplar diferentes espazos para a realización das actividades: por exemplo, traballo no despacho, ocio no salón, comida na cociña… Se non é posible para ti mudar de lugar por limitacións de espazo, podes acotar os tempos recollendo o material de traballo da mesa para preparala para comer, por exemplo.
  • Manterte activx: o máis limitante deste confinamente é a imposibilidade de sair e movernos no exterior. Movernos é fundamental para o noso corpo e a nosa mente. Non é preciso que te convirtas nun/ha deportista se non estabas afeitx, se é o teu caso, adiante, non o deixes e busca novas maneiras de realizar a túa actividade física. Mais senón, contempla outras maneiras de moverte: bailando, subindo e baixando escaleiras, dando paseos pola casa…
  • Contemplar sempre un momento para facer o que che gusta: é unha oportunidade única para facer todas esas cousas que “se tivera tempo…”, fai unha lista daquelo que non che costa esforzo e aproveita! É fundamental disfrutar os bos momentos, especialmente cando pasamos por dificultades.
  • Compartir os nosos sentimentos e estado de ánimo coas persoas queridas é importante e fundamental, non un extra: contacta telefónica ou telemáticamente con amigxs e familiares; antes que imaxinar como estarán, pregunta; comparte como estás ti. É normal, e sano, sentir incertidume, medo e aburrimento, atopa a túa canle para expresalo e comunicalo, verbalmente ou a través da creatividade – debuxa, toca un instrumento, canta, baila, escribe…– todo aquelo que axude a poñer fóra de nós o que está pasando por dentro é unha boa ferramenta para irnos liberando da ansiedade xerada por este confinamento forzoso.

Lembra que é a túa propia estrutura a que che vai soster mellor, por isto colle as suxerencias que che encaixen e dalles a túa forma particular, ninguén mellor ca ti coñece o que che senta ben.

Unha vez que a teñas comprométete con ela, contigo, e convirte a rutina en ritual, isto é, realiza os mesmos actos engadíndolle a atención e conciencia a aquelo que esteas facendo. Son momentos de tomar conciencia dos nosos recursos e poñelos en práctica pouquiño a pouco para poder sosternos no tempo, como individuos e como sociedade, todxs somos un neste intre.

Ánimo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *