O dó, que doe

O momento que estamos a vivir supón a perda de moitas realidades que estaban presentes no noso día a día previo. Perda da liberdade dos nosos movementos, da saúde no caso dxs afectadxs polo virus, de seres queridos que falecen nestes momentos, da seguridade do sustento que dan as condicións laborais, da presencia dos afectos a través do contacto físico, da maneira de relacionarnos tal e como o faciamos, das expectativas que tiñamos para o futuro…

Toda perda, sexa física ou simbólica, supón un proceso de . E o dó, doe. O cambio implica unha serie de emocións que requiren dun tempo e un acompañamento nelas. O dó é un proceso natural, imprescindible, adatativo e individual.

Hai unha frase que me acompaña nestes tempos: “Colaboremos co inevitable”, neste senso comparto información que quizais axude a darlle un lugar a aquelo que estamos a vivir.

Os dós son procesos de cambio, ás veces supoñen rupturas – cun traballo, cunha persoa… –, outras son transformacións – por exemplo na vida imos deixando etapas atráis: infancia, adolescencia… –. Sexan simbólicos ou físicos todos requiren dunha elaboración, dun tránsito entre o coñecido, coa seguridade que implica o saber como, e o descoñecido, que supón a incertidume de non saber aínda. Afrontar unha realidade non coñecida déixanos por un momento no baleiro, algo difícil de soster mais esencial para que xurda o novo.

Na “dixestión” desta nova realidade obsérvanse varias fases – definidas pola psiquiatra Elisabeth Kübler-Ross que non teñen unha lóxica lineal nin unha temporalidade estándar, mais son etapas do camiño para unha asimilación completa.

É importante saber que todas estas maneiras de afrontar o que nos está a pasar son axeitadas. Cando algo doe moito, se deixamos entrar toda a dor xunta non poderíamos sostela, por ser demasiado abrumadora. Cada un destes pasos é natural e a mellor maneira que ten o noso organismo de procesar e “dixerir” aquelo que é difícil de “tragar”. Acelerar o proceso ou evitar algunha das reaccións naturais non axudará á persoa a facer unha elaboración e asimilación. Toda colaboración irá no sentido de acompañar á persoa no que está sentindo, facéndolle saber que non está soa, e respectando a súa maneira de vivilo xa que ninguén máis que ela está a vivenciar a experiencia real de cambio.

Así soe haber un momento de negación, no que nos aferramos á irrealidade do cambio, “non pode ser”, miramos para outro lado, evitamos contactar con aquelo que temos diante.

A rabia é unha emoción presente tamén neste proceso, a frustración, a inxustiza, o enfado, a culpa, o “por que a min”, “non mo merezo”… toda a enerxía á que non lle demos saída nun primeiro momento de negación, sae abruptamente a través destas expresións.

A negociación aparece en forma de pensamentos como “se tivera feito isto agora sería diferente”, un último intento de voltar á realidade previa, de escapar do presente que nos contacta coa perda que comeza a verse como obvia.

Unha vez que podemos estar en contacto coa realidade da perda vén a fase de depresión, a tristeza natural porque o que/quen queríamos con nós xa non está. Despois de tanto tempo de loita chega o “non sei que facer”, hai unha perda de sentido no contacto co baleiro, e pode aparecer o medo ao esquecemento, a rompernos e non saber continuar, mais finalmente a enerxía baixa e aparece un cansanzo que fai frear o ritmo: podemos contactar coa vulnerabilidade. A tristeza é unha emoción que nos recolle, frena os esforzos de loita para permitir unha reavaliación do que hai agora no presente.

Por último tras atravesar a dor previa, comezará a aparecer unha sensación de paz neste novo presente: a aceptación. Non é unha etapa cunha enerxía alta, como supón a felicidade ou alegría, senón á que se chega cansx e ten máis que ver cunha serenidade esperanzada, onde se comeza a saber e contactar coas posibilidades presentes.

A circunstancia actual dificulta a presenza e acompañamento físico durante todo este proceso, que ten unha duración variable en función da persoa e da magnitude da perda – do vínculo emocional subxectivo que nos una a quen/ao que perdemos –.

Cando falamos da perda dun ser querido vémonos a día de hoxe privadxs das reunións rituais que permiten á comunidade á que pertencemos acompañarnos neste tránsito, nesta despedida. Independentemente de que exista ou non unha crenza relixiosa, como seres humanos somos buscadores de sentido. Neste senso, as cerimonias – compartidas ou individuais – , entendidas como calquera acto simbólico feito de forma consciente son procesos que nos axudan á elaboración deste tránsito. Os recursos espirituais ou sentimentais como revisar fotografías, compartir recordos, meditar… son de axuda nestes momentos para poder despedirnos daquilo que agora non está presente.

Sabendo que se trata dun proceso emocional, polo que non é cuestión de entendelo, senón de sentilo, quizáis coñecer como funciona nos axude a “darnos permiso” para sentir aquilo que xa estamos a vivenciar, deixar de loitar coas nosas emocións, e abrirlles paso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *