Estamos a vivir unha situación límite, isto é, aquela que pon en evidencia o noso carácter finito. Sabemos que non somos infinitxs, mais aquí estamos fronte a fronte con esta realidade, que inevitablemente nos leva a pensar a morte. E xurde o medo.
Síntoo mentres escribo, son palabras maiores estas que plasmo aquí. Apertáseme o corpo, ténsase, a miña respiración cambia e pónseme un nó á altura do esterno. Poño atención na miña respiración, movo a miña incomodidade e sostéñome nela.
Xa nos toque de perto ou de lonxe, a morte está presente para todxs e da súa man o máis valioso que temos: a vida. A nosa experiencia, se nos deixamos sentila plenamente e somos honestxs con nós mesmxs, contén paradoxos. Non hai un polo sen o outro, non habería vida de non existir a morte. É complexo, non nos gusta pensalo mais non deixa de ser así. De todos xeitos, compre lembrar que a morte xa estaba presente, obviamente, “só” que agora se nos revelou diante. O que realmente, na maioría dos casos, é diferente aquí e agora nas nosas experiencias concretas é o confinamento.
Non se trata de dramatizar, si de mirar o que temos diante. Moitas veces é o medo ao medo o que nos causa sufrimento. Poder observar as emocións que nos trae esta toma de conciencia, aos pouquiños, sen evitalas e acolléndoas cando veñen será o que nos posibilite a resiliencia, a aprendizaxe durante esta etapa. Quizais entender un pouquiño mellor ao medo, ese gran descoñecido/evitado nos axude un pouco. Comparto dende aí o que coñezo e experimento sobre o contacto con el.
O medo é xeralmente tildado de “emoción negativa” mais trae unha información vital. Non é un inimigo de por si, depende da súa intensidade. O feito de denominalo deste xeito pode levarnos a evitar recoñecelo, cando é un dos nosos recursos para enfrontarnos ao noso entorno e, segundo en que momento, pode resultar altamente adaptativo á hora de protexernos dunha situación potencialmente dañina. Antes de describir a mensaxe adaptativa que nos trae o medo, pode resultar útil coñecer a diferencia entre as emocións “duras” e “brandas” (*Extraído do curso: “A xestión das emocións”, material creado xunto coa psicoterapeuta Paula Pintos)
As emocións “DURAS” son aquelas como o enfado a ira ou a frustración. A miúdo, as emocións duras son as que máis facilmente expresan os nenos/as en forma de acción (perrenchas…) e os adultos en tensión física (apertar a mandíbula, tensión nas costas, apertar os puños…).
A cuestión é que detrás desas denominadas “emocións duras” subxacen normalmente as coñecidas como “BRANDAS”: medo, tristeza, soidade, vergoña, humillación… É moito máis habitual que nenxs e adultxs expresen o seu malestar a través dunha emoción dura, porque ser conscientes das brandas e verbalizarlas require de auto-coñecemento, un contexto de seguridade, e capacidade de expresión emocional. Por outra banda, o problema é que as emocións duras normalmente xerarán conflito co exterior, salvo que detectemos a carga emocional branda subxacente.
As emocións duras fannos saír das brandas, porque as brandas normalmente son máis difíciles de soster (medo, tristeza, vergoña, humillación…) póñennos nunha situación de maior vulnerabilidade. O feito de pasar dunha emoción branda a unha dura, é algo así coma defenderse dun sentimento que me fai sentir débil ou vulnerable (medo), a outro que me fai sentir máis forte (enfado).
É fundamental coñecer que responder á emoción dura non vai dar saída á necesidade real que hai debaixo, e que está na emoción branda. Para que haxa un acougo, unha satisfacción da necesidade, é necesario “tocar” coa emoción branda.
Independentemente da categorización da emoción que observemos en nós mesmxs ou noutra persoa, o importante é darlle acollemento, xa que estaremos a expresar o que podemos no momento. Rexeitar a emoción será como rexeitar á persoa mesma/a nós mesmxs. Unha vez transitada a emoción, dándolle saída a esa enerxía a través do corpo – por exemplo: se me dou conta que teño a mandíbula ou os puños apertados, collo esa forza e póñoa nun coxín apertándoo, golpeándoo, berrando nel – podemos aclarar que hai debaixo do que acaba/mos de experimentar.
E así, atravesando a emoción dura que moitas veces está en primeiro lugar chegamos á emoción que nos conecta coa vulnerabilidade. Neste caso centrarémonos no medo.
O MEDO indica a nosa necesidade de protexernos ante unha situación ameazante. A súa presenza lévanos habitualmente a fuxir de estímulos que poden ser dolorosos ou dañinos, tamén nos pode levar ao enfrontamento ou agresión, e á pasividade ou paralización. A súa polaridade estaría na confianza, que sería indicador de presenza de seguridade. O medo indica os nosos aspectos vulnerables e nos mobiliza para capacitarnos ante situacións para as que non estamos preparados, proxectando o noso pensamento cara un futuro.
Máis aló do medo como emoción primaria, tamén existe o medo mental – medo secundario –, creado por nós mesmxs en ausencia de estímulo ameazante real. Este está baseado na nosa biografía e a súa función é a de evitar algunha dor oculta. Este medo secundario xurde dunha avaliación errónea entre a magnitude da ameaza e a dispoñibilidade de recursos.
Como coas emocións “duras”, as emocións “brandas” o que queren é ser recoñecidas, acompañadas e atendidas. Observalo, recoñecelo e nomealo – en alto –: “teño medo” é xa un gran paso. Se dalgún xeito me sinto como se estivese “conxeladx” é importante poñer especial atención en expresarse, movernos – facelo fisicamente axuda, dar un paseo pola casa ou bailar con esa canción que me vén á mente –. Poderemos así coller da man a ese medo e desa maneira achegarnos á valentía que supón ver que nos podemos soster nas nosas propias emocións. Sen medo non hai valentes. Anímovos a coller ás vosas emocións da man, coñecelas, ter experiencia directa con elas cando están presentes e ver que xeralmente son máis abordables ca idea que nos facemos delas.
Para unha abordaxe máis profunda, non dubidedes en acudir aos servizos profesionais que se ofertan. A saúde supón un benestar físico e psicolóxico, con todo o que implica. É importante coidarnos agora para previr posibles dificultades posteriores. Dende Alento ofrezo os meus servizos para acompañarvos nestes momentos.